Economía e Industria

Galicia é a quinta comunidade de España en poboación, con 2 795 422 habitantes no ano 2011.

Entre os sectores económicos máis importantes da Comunidade, destacan aqueles que están máis arraigados mediante investimentos directos e desenvolvemento dunha industria auxiliar;  así como os que, pola súa rápida evolución e boas expectativas de desenvolvemento a curto prazo, ofrecen uns excepcionais cocientes de crecemento.

Automoción: supón para Galicia  6800 M€ de facturación (equivalente ao 12 % do PIB galego), o que xera 19 700 empregos directos (10 % do emprego industrial de Galicia), e supón o 32 % do total de exportacións galegas. A planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo é a máis importante a nivel nacional en termos de produción: 17 de cada 100 vehículos en España son fabricados en Galicia.

Tecnoloxías da Información: En Galicia o sector TIC representa o 4,8 % do PIB e nel traballa o 1,6 % da poboación ocupada (máis de 16 000 empregos). Unha das características máis destacables do sector TIC galego é o seu veloz desenvolvemento, dado que nos últimos cinco anos creceu un 45 %. Ademais é un grande impulsor da I+D+i.

Madeira: Galicia é a primeira produtora de madeira de España cunha masa de arboredo de 1 405 173 hectáreas, cunha produtividade de 207,95 m3/k2, mentres a media en España é de 28,66 m3/k2.

Calidade de vida e benestar: Galicia posúe condicións extraordinarias para abordar experiencias de calidade de vida debido á súa configuración demográfica, clima e paisaxe, e existencia de actividades con gran potencialidade. Entre estas últimas atópanse unha industria no ámbito metalmecánico e automoción de primeira liña a nivel mundial, actividades de subministracións e servizos avanzados, servizos xeriátricos e servizos para a vida activa, cun patrimonio histórico-cultural, educativo e de lecer de elevado potencial.

Biotecnoloxía: Estímase que as ciencias e as actividades da saúde —que integran o sistema de ciencia e innovación, o sistema sanitario e o sistema empresarial asociado— poden superar 1/6 do PIB nos próximos anos. Polo tanto, unha parte cada vez máis relevante da riqueza colectiva estará ligada ao ámbito da saúde e en Galicia en particular, onde o orzamento dedicado á sanidade e á saúde supón 1/3 do orzamento do goberno rexional.

Enerxías renovables: Posúe unha configuración xeográfica e socioeconómica óptima para o desenvolvemento tecnolóxico e a produción de enerxías renovables. Desde o ano 2000 a potencia das enerxías renovables pasou dos 2590 MW de potencia a 9951 MW estimados para 2012. En enerxía eólica, ocupa a cuarta e sexta posición na clasificación europea e mundial respectivamente.

Outsourcing: O traballo en rede, as tecnoloxías —sobre todo as TIC—, os valores compartidos e sobre todo a necesidade de flexibilidade e adaptabilidade para competir.

Loxística: grazas ao desenvolvemento das autoestradas do mar, Galicia convértese nun enclave estratéxico como paso das liñas transoceánicas Europa-Asia, Europa-África e Europa-América. Un avanzado desenvolvemento da planificación e coordinación asegura o funcionamento óptimo da súa actividade portuaria, grazas, ademais, a que a especialización de tráficos por portos permitiu dispoñer dun alto nivel de equipamentos para determinados tipos de mercadorías.

Infraestruturas

Rede viaria

Galicia conta cunha moderna rede de estradas que permite comunicar con rapidez e seguridade as catro provincias entre si, co resto da península e tamén con Europa.

Rede ferroviaria

Na actualidade o ferrocarril conecta entre si as principais cidades galegas e comunica Galicia co resto de España e Portugal. O novo plan de investimentos na rede ferroviaria galega contempla o AVE que interconectará así mesmo as principais cidades galegas e comunicaraas con Madrid nun tempo máximo de 2h 59'.

Portos e aeroportos

Galicia ocupa unha privilexiada posición marítima, con 127 portos ao longo da súa costa; os máis importantes son —de norte a sur— os de San Cibrao, Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Vigo. Os portos de Ferrol, A Coruña e Vigo están situados nas principais rutas de transporte marítimo internacional entre Europa, América e Asia, o que sitúa os portos galegos nunha posición estratéxica que permitiu unha certa especialización en carga e descarga de mercadoría a granel, produtos pesqueiros e mercadoría xeral diversa; ademais de contar con liñas regulares feeder e actividade crucerística. Cómpre sinalar que estes portos son os primeiros de España en descargas tanto de peixe fresco coma conxelado.

Galicia conta en Vigo cunha das tres Zonas Francas existentes a nivel nacional, a única no noroeste da península.

As infraestruturas sinaladas en materia de comunicación compleméntanse coa existencia de tres aeroportos na Coruña, Santiago e Vigo que cumpren os requisitos da Comisión Europea para ser considerados aeroportos comunitarios de carácter internacional. Actualmente os tres aeroportos galegos teñen varios voos diarios coas principais cidades españolas, así como diversas conexións internacionais directas.

Rede de Gas

Na actualidade, o gasoduto Braga-Tui-Ribadeo-Asturias-León ten un diámetro de 20" (polgadas), o que deixa dispoñible para Galicia unha capacidade de 5000 millóns de termias anuais mediante a colocación de estacións de compresión. Do gasoduto principal saen catro derivacións en alta presión a 80 bares (AP 80) —ramal a Ourense (10"), ramal a Ferrol (8"), ramal á Coruña (14") e ramal a Curtis (4")— e outros ramais en alta presión a 16 bares (AP 16) que alimentan as redes das localidades próximas aos devanditos gasodutos principais e a Lugo.

Por outra banda, e como complemento ao sistema gasístico galego, existe a planta de regasificación de Mugardos (comarca de Ferrol), cunha capacidade de regasificación, nunha primeira fase, de 63 945 GWh/ano e, nunha segunda, de 93 011 GWh/ano.

Solo industrial

Galicia está dotada con máis de 100 polígonos industriais, comerciais e de servizos situados nas catro provincias galegas, cunha superficie que supera os 47 000 000 m². Ademais, están en proxecto ou en construción novos parques empresariais, o que vai incrementar a oferta de terreo en máis de 25 000 000 m², o que vai configurar así a infraestrutura de solo cara aos próximos anos para o asentamento empresarial.

I+D+i

Galicia aposta decididamente polo futuro a través da investigación, o desenvolvemento e a innovación das súas empresas. Contamos cunha serie de centros tecnolóxicos que dan apoio técnico sectorial para a mellora dos seus procesos e produtos, así como para garantir uns niveis de calidade e excelencia que poidan competir con garantía de éxito nos mercados máis esixentes do mundo.

Algúns dos centros máis relevantes:

Comercio exterior

A participación de Galicia nas exportacións españolas aumentou a un ritmo crecente ao longo dos últimos anos, pasando do 4,75 % en 1990 ao 8,17 % en 2011; un índice superior ao experimentado polas importacións.

A taxa de cobertura do comercio exterior galego ascendeu en 2011 a un 124,96 %, superior á do conxunto de España nun 42,73 %.

Incentivos

Como rexión obxectivo converxencia, Galicia está en disposición de ofrecer unha das mellores ofertas da UE para o apoio financeiro ao investimento. As axudas xestionadas polo IGAPE canalízanse a través de diferentes programas auspiciados polo Ministerio Español de Economía e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia
Turgalicia