Tradición

Galicia é unha comunidade autónoma española situada ao noroeste da península Ibérica e formada polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Ten unha superficie total de 29 575 km² e unha poboación de 2 794 516 habitantes (datos do Instituto Galego de Estatística, ano 2011), concentrada no litoral (cidades da Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra). O sistema de poboación que predomina é o de núcleos rurais e dispersos.

Lingua galega

O Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade que «todos teñen o dereito de a coñecer e usar» e, ao mesmo tempo, encomenda aos poderes públicos a promoveren a súa normalización en todos os eidos. A Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, desenvolve no seu Preámbulo estes principios no marco dun «esforzo construtivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora».

Durante estes case 20 anos, diferentes decretos, ordes e regulamentos complementan o seu marco legal e aseguran a recuperación do galego, o seu uso social e a súa promoción nos diferentes eidos (Administración, ensino, medios de comunicación…), ademais de recoñecer as formas toponímicas galegas como únicas oficiais. 

Mapa do galego

O territorio xeográfico da lingua galega está delimitado pola Comunidade Autónoma galega e as áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, alén de tres pequenos lugares de Estremadura. Ademais diso, e polas circunstancias históricas da emigración galega por todo o mundo, existen áreas con ampla presenza de comunidades lingüísticas que conservaron o galego como vehículo comunicativo, en cidades como Barcelona, Zürich, Montevideo ou Bos Aires.

Orixe e usos

O galego pertence á familia das linguas románicas e é o resultado da evolución do latín introducido polos romanos no noroeste da península Ibérica. Desde o século IX a lingua falada nesta área era tan diferente que podemos considerar a existencia de dúas linguas: o latín e o galego. O galego chegou a ser a lingua da poesía lírica en toda a península. Fálase de poesía lírica galego-portuguesa, porque ata mediados do século XIV formaron un mesmo tronco lingüístico. 

A lingua galega é a máis utilizada en Galicia e fálaa —segundo os datos da última enquisa de condicións de vida das familias, elaborada en 2008 polo Instituto Galego de Estatística— un 55,42 % da poboación, de xeito maioritario ou preferente. Máis do 95 % enténdea.

A cultura galega hoxe

Na actualidade temos unha cultura rica e viva, que parte da tradición, pero que incorporou linguaxes contemporáneas. O feito de ser o final dun Camiño que vertebrou culturalmente Europa facilitou a penetración das correntes de arte e de pensamento europeas ao longo de toda a Idade Media. Tamén floreceron os contactos cos demais países atlánticos europeos, e ten moito peso, a partir da primeira metade do século XX, a influencia da emigración a América.

oxe a cultura galega aséntase sobre unhas bases consolidadas, cunha industria cultural e creativa importante, que representa un sector estratéxico para o desenvolvemento social e económico de Galicia.

Unha das principais referencias no eido cultural galego é a Cidade da Cultura de Galicia, situada en Santiago de Compostela. Respecto das principais institucións oficiais en materia cultural e lingüística, estas son o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, fundada en 1906. Tamén tiveron unha grande importancia no noso desenvolvemento cultural as tres universidades galegas.

O horizonte da cultura galega presenta diversos retos, entre os que se atopan a súa protección e posta en valor social; o avance nunha nova política para a difusión das súas manifestacións artísticas, lingüísticas e culturais, e o impulso institucional á capacidade competitiva da industria cultural do país.

Patrimonio cultural galego

O patrimonio cultural galego caracterízase pola súa riqueza, diversidade e extensión xeográfica, así como pola vinculación á paisaxe que o rodea. Abundan os monumentos megalíticos —gravados rupestres, ou castros— e son numerosos os restos romanos, entre os que destacan a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules da Coruña, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Pero se algo a converte en referente europeo son as múltiples arterias do camiño que conduce a Santiago de Compostela, cidade recoñecida pola UNESCO como Patrimonio Cultural da Humanidade.

Na meta da ruta xacobea atópase a catedral de Santiago de Compostela, símbolo de Galicia polo seu valor patrimonial, pola súa importancia histórica na conformación da propia identidade europea.
Cos seus máis de 30 000 núcleos de poboación, a paisaxe galega está profundamente humanizada. O patrimonio arquitectónico está dominado polas construcións relixiosas en granito. Dentro do patrimonio etnográfico destacan, por valor e número, os hórreos e as cruces de pedra ou cruceiros.

Galicia conta, así mesmo, cunha riquísima cultura oral que aínda hoxe mantén vivos costumes milenarios e que permitiu, durante séculos, transmitir entre xeracións unha memoria colectiva e unha lingua que estivo longo tempo afastada da alta cultura e o poder político.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia
Turgalicia