Turismo

Galicia recibiu no ano 2011 preto de 9,5 millóns de visitantes, polo que se consolida coma un dos principais destinos turísticos de España. A pesar de que o desenvolvemento do sector turístico foi tardío, se o compararmos co leste de España, cada ano increméntase o número de visitantes debido a factores diferenciais como o feito de ser a meta dos Camiños de Santiago ou a calidade e autenticidade da gastronomía galega.

Con 123 885 prazas de aloxamentos, Galicia dispón dunha amplísima e variada oferta de hoteis, hostais e pensións, máis dun cento (115) de cámpings (máis de 34 793 prazas) e 593 aloxamentos de turismo rural. Este potencial sitúaa en cuarto lugar de España en canto ao número de establecementos hostaleiros, despois de Baleares, Andalucía e Cataluña, e sétima do Estado en número de cuartos (por detrás das tres CC. AA. citadas, máis Canarias, Valencia e Madrid). Por provincias, Pontevedra é a quinta de España en establecementos hostaleiros.

Espazos naturais

Galicia asómase ao océano Atlántico e ao mar Cantábrico con dous milenios de historia, algo que axiña percibe o viaxeiro que se achega a visitarnos. Percorrer estas terras do noroeste de España permite vivir unha aventura singular de tradición, frondosas paisaxes e cidades únicas. En Galicia neutralízanse as fronteiras entre a terra e o mar. Ambos se funden ao longo de 1300 quilómetros de costa, 772 praias e as súas características rías, navegables os 365 días do ano.

Cada visitante pode rescatar da memoria deste pobo os enigmáticos castros coas súas peculiares cidadelas; e neles, quizais, descubrir os celtas, antigos poboadores dun mundo granítico totalmente suxestivo (os castros de Baroña —Porto do Son—, Viladonga —Castro de Rei— ou Santa Tegra —A Guarda— son os mellores conservados). Tamén viaxa á Gallaecia, a Galicia romana. En pé está aínda a gran muralla romana de Lugo, un recinto fortificado único, de estrutura circular e un perímetro de 2200 metros conservados desde o século III, o cal a fai única no mundo, e declarado pola UNESCO ben Patrimonio da Humanidade no ano 2000.
Inmediatamente percíbese aquí algo distinto. Nesta fértil terra vense indubidables conexións cos pobos celtas.

Galicia é tamén a terra dos mil ríos. Desde as serras dos Ancares, O Courel ou Pena Trevinca (con altitudes que superan os 1800 metros) descenden as augas de moitos deles. O pai Miño cruza Galicia de nordeste a suroeste para desembocar placidamente na fronteira con Portugal. Os leitos  fluviais son tan variados coma a paisaxe: así, os impresionante Canóns do Sil na Ribeira Sacra (cuxo río é o principal afluente do Miño e polo que se pode navegar nun cómodo catamarán), terra de marcados desniveis e propicia para o cultivo da vide.

A saída de Galicia ao mar lévase a cabo a través das rías. Altas e Baixas que se relacionan coa paisaxe e brindan un marco incomparable para a práctica do turismo náutico, con 17 portos bandeira azul: Club Náutico de Ribadeo, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Sada, Real Club Náutico A Coruña Marina Real, Mariña Coruña, Porto Deportivo de Camariñas, Club Náutico de Portosín, Club Náutico de Ribeira, Marina Cabo de Cruz-Boiro; Porto Deportivo de Vilanova de Arousa, Porto Pedras Negras, Club Náutico de Portonovo, Porto Deportivo Juan Carlos I, Porto Deportivo de Baiona, Porto Deportivo de Combarro, Marina Dávila-Vigo e Monte Real Club de Iates.

Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago foi, e continúa sendo, a ruta máis antiga, máis concorrida e máis celebrada de Europa. Desde hai máis de mil anos no Camiño de Santiago millóns de persoas de todo o mundo viviron unha experiencia relixiosa, espiritual e cultural única.

No século IX comezan as peregrinacións a Santiago de Compostela a raíz do descubrimento da tumba do apóstolo Santiago. Ao longo dos oito séculos seguintes, o fluxo continuo de peregrinos de toda Europa marca as rutas que conflúen en España para dirixirse ata Santiago de Compostela, o punto final de converxencia de todas as rutas xacobeas e meta da peregrinaxe.

No Camiño de Santiago prodúcese unha vinculación entre as distintas persoas vindas de todos os recunchos do mundo e os habitantes das poboacións que atravesan, creando un sentimento de acollida nestes últimos. Estas interaccións outorgan aos implicados, ademais dun positivo valor espiritual, unha boa base para a difusión das linguas, os costumes, as correntes de pensamento ou, por exemplo, os estilos artísticos. No Camiño de Santiago converxen os saberes de occidente e o legado de todas as culturas. Desde a Idade Media nesta vía universal as peregrinacións atraeron a Galicia coñecemento, diálogo, innovación e diversidade cultural.

O Camiño de Santiago, declarado conxunto histórico-artístico en 1962 polo Estado español, acadou múltiples recoñecementos internacionais. O Consello de Europa distinguiuno como Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987, e concedeulle en xullo de 2004 a categoría de Grande Itinerario Cultural Europeo. Foi incluído na lista de bens declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, nos seus trazados ao longo de España e Francia (1993 e 1998, respectivamente).
Con todo, a Ruta Xacobea atrae o visitante polas súas múltiples riquezas, xa que cada ano é maior o número de persoas que desexan coñecer as súas reviravoltas. A vitalidade espiritual, artística ou cultural, así como a acollida e a hospitalidade das súas xentes, sumado á beleza e á variedade das paisaxes que se atravesan, é un grande estímulo para que milleiros de peregrinos, ben sexa a pé, en bicicleta ou dacabalo, se lancen a conquistar os camiños.

Gastronomía

O principal atractivo da súa cociña é a súa variedade, pero cun claro punto en común: unha forma de cociñar familiar e cariñosa, artesanal, pausada e abundante.

Un mesmo produto prepárase de múltiples xeitos e en cada lugar ten un sabor distinto. A nova cociña galega non esqueceu a súa esencia á que incorporou grandes doses de creatividade ata conseguir pratos dun valor culinario amplamente recoñecido. Hoxe en día, os sabores da gastronomía galega e os seus viños están presentes nos restaurantes máis prestixiosos do mundo. 
Máis de oitenta variedades de peixe de mar e media ducia de ríos, así como un amplo abanico de especies de mariscos (centola, lumbrigante, lagostinos, zamburiñas, ostras, camaróns, nécoras, mexillóns, boi de mar, percebes, navallas...), pódense saborear en restaurantes e tascas. Empanada, polbo á feira, pementos de Padrón, lacón con grelos, queixos de leite de vaca e a exquisita carne da tenreira galega, preparada de mil formas, constitúen o mellor escaparate da gastronomía galega.

Cidades

As cidades son monumentais e acolledoras. Santiago de Compostela (a capital administrativa) é a urbe medieval. Declarada Patrimonio Cultural da Humanidade e fin dos Camiños de peregrinación da cristiandade cara á tumba do apóstolo Santiago. A Coruña, coa Torre de Hércules tamén Patrimonio da Humanidade, como estandarte, é a cidade da luz e a beleza do modernismo, como do neoclásico é Ferrol, tradicional centro naval e militar. As Rías Baixas teñen dous núcleos de poboación principais: Vigo, bañada por un océano Atlántico de augas repousadas que brindan algúns dos mellores mariscos (como as ostras), e Pontevedra, fin dunha extensa lingua de mar que vai penetrando terra dentro e que se funde coas augas do río Lérez. Pontevedra impresiónanos co seu casco histórico, un dos máis interesantes de toda España. Lugo e Ourense son as dúas principais citas urbanas no interior. A primeira, como xa apuntamos, é vivo testemuño do pasado romano. Ambas están bañadas por un caudaloso río Miño que, ao seu paso, vai deixando bosques autóctonos con carballos centenarios e castiñeiros que decenas de veces serviron de inspiración a artistas de todo o mundo. Ourense destaca pola súa ponte romana, as súas burgas —emanacións termais de auga quente— e o pórtico de entrada á catedral, denominado Pórtico do Paraíso, obra do mestre Mateo.

A terra en GALICIA leva, en suma, ao mar. E nel, Fisterra, no que os romanos situaban a fin do seu mundo coñecido. Desde el ábrese ao visitante todo un DESTINO COMPLETO.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia
Turgalicia